Fegatur entrevístase cos parlamentarios responsables de Turismo ante a crítica situación do turismo rural

05 de febreiro de 2021

A Federación Galega de Turismo Rural (Fegatur) realizou nas tres últimas semanas unha rolda de xuntanzas virtuais cos responsables da área de Turismo das tres formacións no Parlamento de Galicia. O obxecto das mesmas foi triple: presentarlles a realidade crítica que tamén os aloxamentos  de turismo rural estamos a vivir nestes últimos meses, amosarlles os retos prioritarios para o sector, así como o de coñecer por boca dos seus portavoces a súa percepción  e as súas propostas respecto do turismo no  rural.

Parlamento de Galicia en sesión de traballo

Ás respectivas xuntanzas acudiron Daniel Pérez López polo BNG (19/01/21), Leticia Gallego Sanromán polo PSG-PSOE (28/01/21) e, por último, Borja Verea Fráiz e Raquel Árias Rodríguez polo PP (05/02/21).

Na interlocución xerada salientouse a imperiosa necesidade de buscar xuntos fórmulas de axuda áxiles e directas. De igual xeito coincidíuse na importancia da incentivación do consumo turístico para un sector composto na súa grande maioría por persoas autónomas que no 2020 apenas poideron traballar con normalidade nos meses de xullo, agosto e setembro .

Así mesmo solicitóuselles que desde ás súas respectivas formacións impulsen iniciativas que permitan a redución de tributos locais e calquera fórmula que axude a minorar uns custes estruturais que, como é notorio, están a afogar aínda máis ao sector.

Houbo coincidencia xeralizada á hora de recoñecer a difícil situación na que nos atopamos, así como no compromiso de traslado da mesma ás correspondentes instancias tanto autonómicas como de carácter provincial e local.

Respecto dos retos, dende a Fegatur puxemos enriba da mesa catro dos que consideramos prioritarios afrontar:

  • En primeiro lugar, a necesidade de abordar o Turismo no Rural como eixo esencial na estratexia turística de Galicia. Para este fin proponse a necesidade de revisar a fondo a lexislación de turismo vixente. Ilo permitirá abordar dun xeito integral a  súa incidencia sobre o territorio, dada a súa relevancia e repercusión á hora de xerar riqueza, dinamizar as comunidades e asentar poboación. Dende esta perspectiva, é imprescindible unha concepción integral, máis aló da simple e única consideración dos aloxamentos de turismo rural. Por eso é preciso  incorporar a todos os axentes que participan no turismo no rural (xeodestinos, asociacións profesionais, as diferentes modalidades de aloxamento, as empresas de turismo activo, as axencias de viaxes, etc)
  • En segundo lugar, propúxose a necesaria activación do Plan estratéxico do Turismo Rural, incorporándolle esta nova visión, e implantando medidas concretas de discriminación positiva que fagan que o turismo no rural de Galicia sexa unha sinal de identidade propia. Esto ha posibilitar un reinventarse do sector, á vez que contribúe ao afianzamento dos proxectos empresariais existentes e atrae novas iniciativas. Para iso cómpre sentar as bases nestes intres, tanto en termos de investimento público, como de potenciación dos axentes implicados (dinamizadores turísticos dos xeodestinos, asociacións empresariais comarcais, interrelación entre empresas de aloxamento e experiencias turísticas, etc) e de promoción turística.
  • En terceiro lugar, comvíuse coas persoas  representantes das tres formacións políticas na necesidade de afrontar dun xeito decidido déficits infraestruturais que lastran o avance do turismo no rural como son: a mellora  da conectividade -a súa  febleza está a impedir o desenvolvemento e aproveitamento  que a dixitalización tanto está a promover-; a sinalización vial e dixital -actualizada e homoxénea para  potenciar tanto os atractivos turísticos, como os aloxamentos de turismo rural-; unha decidida aposta pola  sustentabilidade –mellorando a mobilidade con incentivos a un transporte  eléctrico así como á Instalación de puntos de recarga para avanzar na descarbonización do medio-; e, por suposto, un renovado apoio á promoción e comercialización dixital, -máis directa e  propia, que dependente de axentes aloxados en paraísos fiscais-.
  • Por  último, cremos  urxente e ineludible poñer coto  e anticiparse a unha oferta de baixa calidade que se ven extendendo cal ameazante mancha de chapapote que contribúe a afogar  a boa imaxe  de calidade e profesionalidade que os aloxamentos de  turismo rural dende sempre vimos ofrecendo. Con fonda preocupación estamos a  percibir no rural que, ao abeiro dunha a todas luces insuficiente lexislación e a escaseza de persoal de inspección, se ven incrementando dun xeito exponencial a oferta de espazos  e servizos de dudosa calidade e profesionalidade, en moitos casos baixo a denominación de vivendas de uso turístico (VUT). Son xa numerosas as opinións negativas recollidas e publicadas sobre  VUTs no rural con atención e servizos deplorables. Éstas ampáranse, na maioría dos casos, na falta de esixencias claras e na laxitude de requirimentos e obrigas por parte das autoridades municipais, turísticas e de facenda tanto sobre elas como sobre  aquelas empresas, plataformas como Airbnb ou canles adicados á promoción e intermediación de aloxamentos turísticos clandestinos e que mesmo pasan de esixir o número de rexistro no REAT. Todo esto está a provocar desmotivación e desacougo na maioría das persoas que dende os establecementos de turismo rrural vimos traballando con esforzo e bo facer, da man das administracións e institucións, por procurar experiencias e emocións en cantas persoas nos visitan.

As conclusións das conversas mantidas recolleron a necesidade de abordar con decisión o modelo de turismo que  o rural de Galicia precisa. Se menor é a porcentaxe económica respecto doutros sectores do turismo, a súa relevancia  é primordial á hora de artellar e xerar futuro  nunha amplia  parte do territorio  do país.

Todas  as persoas asistentes concordamos na necesidade de aproveitar as oportunidades que ofrecen as sinerxias coas denominacións de orixe así como  as que a celebración do Xacobeo 2021-22 vai traer.

Asemade, que o turismo rural foi, é  e ha seguir sendo o valor diferencial que promove o turismo de proximidade seguro e saudable, en espazos naturais e sen aglomeracións.

As canles fican abertas. Confiados agardamos que os compromisos e  avances se concreten ao longo desta lexislatura.

Pola FEGATUR participaron:  Francisco Xabier Almuiña Chorén (Ribeira Sacra Rural), Presidencia; Luís Filipe Rodrigues Pires (Limia Verde), Secretaría; Cesáreo González Pardal (Mar e Campo), Tesourería; e como vogais , Ana María Villamayor Torres (Mar de Compostela) e José Manuel Villapol Iglesias (Lugo Costa)

Actualidade no turismo rural de Galicia

Todas as novas relacionadas coa dinámica da Federación e co turismo rural de Galicia.