O Comité Asesor de Fegatur reflexiona sobre a situación do turismo rural de Galicia

18 de febreiro de 2021

A Federación Galega de Turismo Rural (Fegatur) convocou este mércores 17 de febreiro ao Comité asesor para reflexionar sobre a situación na que se atopan os establecementos de turismo rural de Galicia e realizar propostas de actuación a curto e medio prazo.

Xuntanza virtual da Comisión asesora de Fegatur

A primeira das conclusións é que resulta prioritario abordar medidas por parte das distintas administracións (Goberno central, Xunta de Galicia, Deputacións e Concellos) en relación coa crítica situación que vive o sector. Dende a ponte de outubro as casas están pechadas e sen visos de poderse abrir ata maio ou xuño: isto leva a moitos negocios ao precipicio.

As axudas directas propostas son claramente insuficientes. Resulta preciso que: a) se condonen impostos locais (lixo, IBI, etc) na medida en que non hai actividade; b) se reduza o ive turístico, tal e como se está abordando noutros países; c) que activen medidas de dinamización turística directa con bonos finalistas ou con axudas á actividade turística que contemplen a todos os establecementos de turismo rural (p.e: non ten sentido pedir unha antigüidade de 5 anos para axudas convocadas)

A segunda conclusión ten que ver co propio sector, que ten que aproveitar este parón para formarse e modernizar os seus sistemas de xestión e de comercialización, así como organizarse para realizar accións de promoción para ser dos primeiros en activarse unha vez que se recupere paulatinamente a normalidade. Sen dúbida, o turismo rural será dos primeiros que acolla hospedes na medida en que a poboación está necesitada de achegarse a entornos naturais, sen conxestión e con garantías de seguridade. Nesta estratexia, considera oportuno tentar alinear os obxectivos descritos coas actuacións que a Axencia Turismo de Galicia ten previsto no marco do Plan Estratéxico do Turismo Rural de Galicia. O primeiro test vaise pasar previsiblemente nos meses de maio e xuño e, polo tanto, hai que porse mans á obra.

Por último, e relacionado coas anteriores conclusións, cómpre desplegar unha estratexia dobre: como asociacións comarcais -onde as haxa- e como federación. No primeiro caso, tentando facer presión sobre concellos e deputacións para que aborden as medidas de apoio ao sector, así como activen todo o seu potencial na promoción turística dos xeodestinos. No segundo caso, realizando a presión sobre a Xunta de Galicia para acadar o antes posible acordos para adoptar medidas de apoio efectivo e orientar os esforzos sobre todo para o período de primavera e, posteriormente, cara o outono.

En conclusión, non queda outra que capear o vendaval pandémico e para ilo é preciso manterse activos, incorporar servizos complementarios e experiencias na carteira de servizos para axeitarse á demanda dos clientes e, claramente, manterse unidos para visibilizar un sector que representa preto do 5% do turismo galego.

Actualidade no turismo rural de Galicia

Todas as novas relacionadas coa dinámica da Federación e co turismo rural de Galicia.