Bo nadal e próspero aninovo 2022

26 de decembro do 2021

A piques de celebrar con ledicia e sentidiño o Aninovo, as persoas que estamos ao fronte dos aloxamentos de turismo rural de Galicia imos lembrar este 2021 cunha boa mestura de sentimentos. Son parte desa mestura a confianza e o agradecemento a tantas e tantas persoas que optastes durante o verán e o outono pasados polas casas rurais de Galicia para descansar e desfrutar de estadías. Tamén o é o sentir que contribuímos a que puiderades gozar dun xeito calmo e seguro do voso tempo de lecer ou de repouso tras cada etapa no Camiño. Todo elo está a servir para repoñer en nós ilusión e novos azos para continuar.

Que satisfacción produce reler tantas testemuñas nas que, con xenerosidade e emoción, ides transmitindo o ben que vos sentan os paseos respirando saúde baixo a sombra das árbores, por ribeiras e montañas; ou como vos aleda sentir os aloumiños das raiolas do sol mentres vos deslizades ou mergullades nas augas de ríos e mares.

Que difícil disimular a satisfacción que nos producen os vosos entusiastas e xenerosos parabéns ao descubrir aromas e sabores únicos, nos pratos que con mimo elaboramos, ou ao degustar os excelentes viños e licores das D.O. de Galicia!

Compartir sobremesas larpeiras e conversas ao pé das lareiras ou achegarvos informacións e recomendacións, seguen a alentar a estima polo noso.

Todo elo reafírmanos na ineludible necesidade de asociarse, de traballar o común, de xuntar forzas e fomentar sinerxías. Precisamos das habilidades e capacidades para procurar un modelo de turismo consciente e responsable. Un modelo que nos compromete a promover un turismo no medio rural profesional, diferenciado, sostible e de calidade.

Vivimos tempos duros, pero seguimos a sementar día a día o bo trato e o bo facer. Gústanos mimar e coidar da terra e ofrecer o moito e bo que ela nos regala para benvivir. Queremos seguir a tecer canda vós experiencias que emocionen, conforten e aloumiñen desfrutando do patrimonio que esta terra atesoura.

Contamos con vos para facer do turismo rural de Galicia outro dos corazóns que dinamizan e fortalecen ás persoas que vivimos nas vilas e aldeas desta bendita terra.

Permitídeme manifestar o orgullo polo compromiso das persoas do equipo directivo da FEGATUR. Canda a Ana, Filipe, Cesáreo, Xosé Manuel e Xosé Antón reitérovos que contribuír a procurar un mellor futuro para as persoas que vivimos no rural e ás que nos visitades é o que nos move e alenta.

Grazas a cantas persoas desde as administracións, institucións, asociacións, empresas, colectivos e a título persoal acotío arrimades o ombreiro para turrar con ben deste carro.

Agardamos que a vida vos permita seguir a desfrutar dela canda nós, na compaña das persoas que ben queredes.

Neste 2022 que xa alenta, desexámosvos Boa vida, paz e ben!

Francisco Xabier Almuíña Chorén

Presidente da Federación Galega de Turismo Rural FEGATUR

26 de decembro do 2021

Actualidade no turismo rural de Galicia

Todas as novas relacionadas coa dinámica da Federación e co turismo rural de Galicia.