Nova directiva na FEGATUR para encarar con anovadas forzas os desafíos do Turismo Rural en Galicia

24 de setembro de 2020

Este pasado martes 22 de setembro a Federación Galega de Turismo Rural (FEGATUR), que agrupa a boa parte das asociacións de Turismo Rural de Galicia, celebrou Asemblea extraordinaria ca fin de elixir nova Xunta Directiva.

Asumiu a presidencia de FEGATUR, Francisco Xabier Almuíña Chorén, propietario da Casa do Romualdo, en Taboada (LUGO) e que preside a Asociación Profesional Ribeira Sacra Rural.

Canda el conforman a nova Xunta Directiva da FEGATUR, Luis Filipe Rodrigues Pires (Limia Verde) na secretaría e Cesáreo González Pardal (Campo e Mar) que se encargará da tesouraría. Asimesmo asumen sendas vogalías Ana María Villamayor Torres (Mar de Compostela) e Xosé Ramón Fernández Álvarez (Lugo Costa).

En palabras do propio Francisco, os seus propósitos máis inmediatos son "abordar con imaxinación e bo ánimo os retos e traballos que se nos presentan e que compre atender". “Adicaremos este tempo de outono a descubrir e recolectar os bos froitos do turismo rural que, dende hai anos, veñen agromando por toda Galicia”. Queremos coñecer de boca das persoas as fortalezas e oportunidades, inquedanzas e suxestións, as propostas coas que afrontar as debilidades e ameazas que como retos se nos presentan. Anímalle "a esperanza de que este achegamento vai contribuír a definir un plan de acción que sirva para abordar con ben os incertos tempos que toca vivir".

Agradeceu o labor realizado pola anterior directiva presidida por Cesáreo González Pardal e a disposición dos asistentes para conformar a nova directiva elixida.

Todas as persoas que conformamos FEGATUR sabemos ben das dificultades vividas. Asumimos a responsabilidade que nos toca de ofrecer espazos seguros e coidados, así como a necesidade de arrimar o ombreiro no económico e no social. Somos conscientes do longo treito que como sector turístico e como integrantes das comunidades rurais nos agarda. Todas nós estamos a atravesar tempos difíciles nos que mesmo a supervivencia dos nosos establecementos fica ameazada. Aínda así resistimos. convencidas de que hai saída e de que tamén o noso grao de esforzo contribúe a minguar os padecementos das persoas que buscan no campo, na natureza e no pequeno un respiro, loitamos por nos manter.

Convencidos de que as solucións e saídas atópanse cando tentamos erguernos de novo, e alónxanse cando somentes nos lamentamos, ofrecemos a nosa experiencia para sumar esforzos e xerar sinerxías.

Desde hai meses, na FEGATUR estamos a facer o posible, e seguiremos con aínda máis insistencia se cadra, tentando dotarnos de ferramentas e recursos que nos permitan resistir o temporal e marcar o rumbo. Asimesmo vimos establecendo canles de interlocución e cooperación coas administracións públicas, institucións, asociacións e empresas, pois é evidente que ésta hoxe en día faise máis necesaria que nunca. Seguiremos a crear novas experiencias que acheguen a máis persoas ao Turismo Rural de Galicia. Só así conseguiremos recuperarnos e mellorar a oferta. Só así poderemos contribuír coas súas fortalezas. Porque ademais de espazos seguros e de calidade, da tranquilidade e a saudable vivencia de desconectar que o contacto coa natureza de Galicia ofrece, sexa na costa ou na montaña, a carón dos Camiños ou rodeados de árbores e silenzo, de arte, cultura ou lecer.

O reto máis inmediato é o relanzamento da renovada plataforma galiciaturismorural.es, que incorporará un novo motor de reservas e outras novidades, ademais do arrinque dunha campaña de marketing a partires do 1 de outubro, baixo o lema "Respira". Dirixida ao público de Galicia, coa promoción destes valores Queremos animar a redescubrir os moitos recunchos de Galicia, a gozar ao redor dunha mesa co Outono gastronómico e das experiencias que ao aire libre se ofrecen.

A choiva, lonxe de ser impedimento para os que vivimos nesta terra privilexiada, e, neste outono de incertezas, unha boa desculpa para meternos en charcos e pisar lama... porque, ao fin e ao cabo, todos merecemos un respiro.

Actualidade no turismo rural de Galicia

Todas as novas relacionadas coa dinámica da Federación e co turismo rural de Galicia.