Turismo rural para un desenvolvemento inclusivo

27 de setembro de 2021

A Organización Mundial do Turismo das Nacións Unidas (OMT) convídanos a celebrar o 42º Día Mundial do Turismo, este 27 de setembro, baixo o lema “Turismo para un crecemento inclusivo”.

‍

‍

Desde a Federación Galega de Turismo Rural (FEGATUR) sumámonos con renovada esperanza á dita celebración. Con ledicia percibimos a enorme capacidade do sector para impulsar un desenvolvemento inclusivo no campo galego, promovendo o respecto polas persoas, á vez que é quen de xerar oportunidades para moitas delas.

Paseniñamente e dun xeito calado, en moitas das nosas aldeas e vilas, o turismo rural ven sendo exemplo vivo e afortunado do reclamado desenvolvemento inclusivo.

Sexa cal sexa a actividade turística na que as persoas esteamos implicadas, somos convocadas a colaborar man con man a favor dun turismo que procure unha economía xusta e integradora, que respecte ás persoas e ao medio natural. Só un turismo consciente, responsable, sostible e resiliente poderá contribuír a un mundo no que cada persoa se sinta plenamente realizada.

Tal e como nos apremia a OMT, só unha economía respectuosa e xusta, contribuirá ao benestar social eeconómico da humanidade, dándolle asía oportunidade a todos os pobos de procurarse o seu desenvolvemento integral.

Urxe deixar de fomentar modelos de produción, consumo e goce que comprometen o futuro e destrúen os limitados recursos do planeta e aos que tan só poden acceder unha privilexiada minoría.

Hoxe en día, lonxe de voltar á mesma falsa seguridade das estruturas anteriores, precisamos con urxencia modelos e sistemas que sexan accesibles e respondan ás necesidades básicas da vida das persoas .

É unha prioridade absoluta e inaprazable, tamén para o sector do turismo rural de Galicia, concienciarnos que as persoas e os territorios temos un destino común e que, fronte ao individualismo e o pecharse en muros que a nada bo conducen, debemos esforzarnos sen máis dilación sen impulsar estilos de vida e traballo respectuosos, colaborativos e solidarios.


É a hora das persoas.

 Unha vez máis faise precisa a colaboración e cooperación de toda a comunidade, sexamos persoas autónomas ou empresarias, servidoras públicas, traballadoras nas administracións, institucións, colectivos ou asociacións. En suma de cantas esteamos dispostas. Todas ao servizo da xente. Cada quén coa súa responsabilidade e os seus recursos, evidentemente, escoitando e acordando, por suposto, mais cooperando coa comunidade e procurando que ninguén se quede fóra.

Confiando que cada vez máis persoas están a tomar conciencia de que tanto a situación sanitaria como o colapso ambiental que sobrevoan sobre toda a humanidade son realidades que debemos afrontar xuntas e sen demora, na FEGATUR reafirmamos ante todo, o valor dapersoa e da dignidade humana, máis alá da burocracia, as estatísticas e os números da economía turística. Así mesmo, comprometémonos a seguir procurando e alentando propostas turísticas que permitan o encontro entre persoas, entre territorios, a fomentar a xestión e o gozo do patrimonio e do lecer e a favorecer estilos de vida respectuosos con todas as criaturas que habitamos esta Terra.

Alentamos o exercicio da creatividade que permita explorar novos camiños e abandonar sendeiros que a nada bo levan. Temos un destino común, como acotío a teimuda realidade nolo ven amosando.

O   noso agradecemento a toda a boa xente que continuades apoiando e escollendo o turismo rural de Galicia para o voso lecer e descanso. Sodes o exemplo desa nova fraternidade capaz de axudarse e estimarse mutuamente, que vai naprocura dese desenvolvemento inclusivo que, sen demora, tanto precisamos.

Francisco Xabier Almuíña Chorén. Presidente da Federación Galega de Turismo Rural

‍

Actualidade no turismo rural de Galicia

Todas as novas relacionadas coa dinámica da Federación e co turismo rural de Galicia.